|
Accións formativas para a cualificación socioprofesional
Dende o punto de vista dos colectivos de persoas coas que traballamos dende a Plataforma, algunhas das cuestións básicas que aportamos no referente a estrutura das accións formativas serían as seguintes:
Adaptación do contido curricular do curso de cara a que sexa máis efectivo no acceso ao emprego e ás características do colectivo beneficiario do curso, é dicir, reelaboramos os contidos para facelos máis adaptables.
Introdución de módulos de habilidades sociais e laborais básicos para a inserción socio-laboral complementarios dos módulos ocupacionais.
Introdución das prácticas reais en empresas como complemento da formación teórica.
Módulo do correcto uso do galego relacionado co contido específico do curso
Os módulos formativo-ocupacionais en moitas ocasións supoñen, segundo os propios catálogos, un número de horas moi elevado para estas persoas, habería que adaptar as horas aínda que a formación facilitara unha menor categoría laboral.
Os horarios, no caso específico das mulleres, deben adaptarse tamén as condicións dos colectivos: xornadas partidas, menos horas formativas diarias, etc.
A titorización da inserción laboral despois das accións formativas: servizos específicos de orientación antes mencionados deben continuar de forma inmediata o labor das accións formativas: estas persoas precisan ter a experiencia de que a formación axuda de verdade a acceder a un emprego.
Sistemas formativos longos pero ben incentivados economicamente como Obradoiros de Emprego, Escolas Obradoiro, etc son moi axeitados para estas persoas e colectivos pero deben ter posibilidades reais de acceso ós mesmos.
A vía de inserción laboral por medio dunha formación axeitada á demanda real do mercado de traballo, significa unha inserción con calidade, é dicir, axuda a baixar o índice de precarización no traballo podendo alcanzar unha mínima estabilidade laboral.
Os cursos que se veñen realizando até o de agora están dirixido a persoas que teñen experiencia laboral en traballos de limpeza e necesitan unha formación específica para conseguir un traballo cunhas mellores condicións laborais, ou, para todas aquelas persoas que queiran empezar a traballar no sector servizos en xeral, hostelería, contruccion. A maior parte deste colectivo son homes e mulleres maiores de 35 anos provintes da Renda de Integración Social de Galicia, persoas de étnia xitana con dificultades de inserción sociolaboral e problemas socioeconómicos e desempregados/as de longa duración con problemas socioeconómicos .
Cabe destacar a participación no desenvolvemento e na selección dos e das participantes nos cursos da Concellería de Servizos Sociais do Concello de Santiago.
Existe unha escasa formación á que se poden achegar estas persoas relacionada co sector do Comercio, Hostalería, Aloxamento, Limpeza de edificios e locais, Coidados persoais, Construción na comarca de Santiago.
Obradoiros e competencias persoais
A Asociación Plataforma polo Emprego colabora co Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar dentro do II Plan de Inclusión impartindo unha serie de obradoiros de competencias persoais ás persoas beneficiarias do dito Plan.
Estes obradoiros tiveron como propósito facilitarlle ás persoas participantes os conceptos, ferramentas e experiencias necesarias que lles permitisen mellorar as súas habilidades sociais no ámbito da vida laboral e no proceso de busca de emprego.
A formación estivo orientada a desenvolver as capacidades de expresión, escoita, empatía, asertibilidade e comunicación en xeral. Tamén a fomentar aqueles aspectos da autoestima que facilitan a integración e participación da persoa dentro do ámbito persoal e laboral, poñendo especial interese na eliminación e superación das barreiras que xorden da desigualdade e discriminación por razón de xénero.
Obxectivos dos obradoiros:
O obxectivo principal desta serie de obradoiros foi desenvolver habilidades persoais eficaces para o emprego.
Este obxectivo pretende mediante a aprendizaxe de novas conductas favorecedoras da inserción laboral así como a inhibición e/ou desinhibición de conductas existentes que impedían ou dificultaban o aceso ao mundo laboral.
As persoas participantes unha vez rematados os obradoiros melloraron as súas capacidades para desenvolverse na busca de emprego e no mundo laboral dunha maneira eficaz e coa capacidade suficiente para resolver aqueles problemas que poidan xurdir nas súas relacións interpersonais.
|