O domingo 07 de setembro o Paseo Central da Alameda volve a acoller o Festival Intercultural na súa décima primeira edición.
Tratase dunha xornada de visibilización e coñecemento das principais comunidades migrantes que habitan a cidade e que ese día comparten coa veciñanza compostelá a súa cultura de orixe con destaque para a gastronomía, un dos puntos fortes do Festival.
Ademais de ofrecer a degustación e obradoiro de receitas dos pratos típicos, as delegacións das distintas colectividades decoran o seu stand con información e elementos propios dos seus países, amosando a riqueza cultural dos seus territorios de orixe. Tamén hai unha mostra artística na que se presentan ritmos, danzas, cancións, poesía e expresións da tradición oral das comunidades participantes.
Este ano o programa complementase cun espazo dirixido a infancias e familias adicado a xogos colaborativos e contacontos dirixidos a traballar os valores do antirracismo, convivencia intercultural e respecto á diversidade. Tamén se volve a contar cunha feira na que as asociacións de migrantes, antirracistas ou que traballan coa poboación poderán visibilizar as súas actividades.
Tampouco faltará, como nos demais anos, a reivindicación de dereitos coa lectura dun manifesto a cargo do Foro Galego de Inmigración, algo fundamental no contexto de escalada da violencia racista e xenófoba e dos discursos de odio contra as persoas migrantes.
De feito, este ano ampliase o número de comunidades migrantes representadas a dez, sumando persoas procedentes de Arxentina, Brasil, Chile e Senegal ao grupo que leva participando desde a primeira edición (Colombia, Ecuador, Paraguai, Perú, República Dominicana e Venezuela).
En definitiva, unha oportunidade para achegarse a nova (ou non tan nova) veciñanza de Compostela, coñecer os seus costumes, traxectorias, historias, soños e demandas. E para construír comunidade poñendo en valor a diversidade como un factor de enriquecemento e cohesión social e actuando como freo aos discursos racistas e antinmigración inoculados pola extrema dereita.
A xornada dará comezo as 12h e estenderase ata as 19h. Esta actividade está financiada pola Unidade de Atención as Migracións (UAMI) – Concello de Santiago no marco do Programa Compostela Convive.