A nova edición do Programa Compostela Convive renóvase co desenvolvemento dunhas xornadas que poñen o foco na convivencia e no diálogo intercultural.

A primeira actividade terá lugar o sábado, día 21 de xuño, coa función teatral “El Sueño Es Vida”. Unha peza autobiográfica na que o protagonista, Thimbo Samb, narra en primeira persoa o seu propio traxecto migratorio. Esta posta en escena reverte a proposta de Calderón de la Barca ao converter os soños na oportunidade de saír dunha vida que resulta ser peor ca unha prisión. Unha lectura reflexiva, poética e íntima sobre a humanidade, que remata cunha reflexión colectiva dunha historia que é tamén de todas nós.

A entrada é de balde, previa retirada de convites na Zona C e no Teatro Principal, o propio día da función. A representación dará comezo ás 20:00h e contará cun coloquio posterior.

“El sueño es vida” é unha obra producida por Teatro Sin Papeles; coa dramaturxia e dirección de Moisés Mató López e a interpretación de Thimbo Samb.

Esta actividade está organizada pola Plataforma polo Emprego e financiada pola UAMI – Concello de Santiago, no marco do programa Compostela Convive. O conxunto de actividades aborda diferentes áreas -teatro, literatura e gastronomía- co obxectivo de poñer en valor a importancia de crear espazos diversos e libres de prexuízos, que sexan por si mesmos altofalantes á hora de visibilizar diferentes contextos culturais.

Máis información rolda prensa Concello de Santiago: preme aqui