Dende o Programa Compostela Convive celebramos o día da Festa Patria de Perú

O día 27 de xullo conmemórase o día da Festa Patria de Perú, unha festividade que conta cunha traxectoria significativa na cidade compostelá.

Nesta nova edición, súmase á proposta un pasarrúas. Esta acción itinerante desfilará polas rúas máis emblemáticas da cidade; comezando na Praza do Obradoiro ás 17:00h, o pasarrúas consistirá nunha mostra de bailes tradicionais procedentes de diferentes puntos do país. Deste xeito, achegaranse pequenas representación de danzas orixinarias da costa, a serra e a selva e, ademais, tamén se contará cunha peza infantil para facer bailar á cativada.

O destino final do pasarrúas será a Praza Roxa, onde os pases de baile volverán ser presentados. Estas danzas contarán, ademais, cun valor engadido, posto que contarán coas indumentarias tradicionais de cada unha delas.

Na propia Praza Roxa establecerase un pequeno posto, no que se facilitará información sobre a actividade e a festividade conmemorada.

A actividade está organizada pola Plataforma polo Emprego e financiada pola UAMI – Concello de Santiago, no marco do programa Compostela Convive.