XII Festival Intercultural
O domingo 6 de setembro, o Paseo Central da Alameda volverá encherse de sabores, músicas, cores e culturas coa XII edición do Festival Intercultural, nunha xornada para coñecer e compartir coa veciñanza que forma parte da Compostela de hoxe.
Ao longo do día poderanse degustar pratos tradicionais de diferentes países e descubrir novas culturas, achegándonos ás tradicións das comunidades participantes. Dentro da programación haberá música, danza, poesía e outras actuacións, ademais de actividades infantís, co fin de promover o respecto á diversidade e a convivencia intercultural.
Nesta edición participarán comunidades de distintos países de América Latina, a Unión Africana e, como novidade, veciñas e veciños de Palestina e do Sáhara Occidental, quen tamén compartirán a súa gastronomía e a súa cultura.
O festival será tamén un espazo para reivindicar os dereitos das persoas migrantes e seguir construíndo unha cidade máis diversa, acolledora e libre de discursos de odio.
A xornada dará comezo ás 12:00h no Paseo Central da Alameda. Unha actividade que se suma á programación do Compostela Convive; programa impulsado pola Plataforma polo Emprego en colaboración coa UAMI do Concello de Santiago.







