EMPRENDER TAMÉN É CONSTRUÍR COMUNIDADE.
Dende a Asociación Plataforma polo Emprego anunciamos a sinatura e a nosa adhesión ao Manifesto para a creación da Rede Galega do Ecosistema de Emprendemento (REDE ULTREIA).
A REDE ULTREIA , unha iniciativa que aposta polo emprendemento ligado ao territorio e que conecta industria, persoas emprendedoras, axentes e institucións que cremos nunha Galicia máis colaborativa, innovadora e aberta ao mundo. Concíbese como unha estrutura estable, inclusiva e distribuída por todo o territorio, deseñada para conectar os recursos e apoiar o emprendemento dende a proximidade.
Apoiamos este modelo porque garante que as persoas emprendedoras poidan acceder a formación, mentorización e financiamento independentemente do lugar de Galicia no que vivan, e cremos na necesidade de activar o talento local transformando os nosos recursos en sectores estratéxicos.
Dende a nosa entidade valoramos positivamente as novas liñas de actuación e axudas estratéxicas anunciadas para o 2026, que terán un impacto directo na creación e consolidación de emprego por conta propia. Destaca especialmente a aposta por asegurar a continuidade dos negocios locais mediante o Bono Remuda para facilitar o relevo xeracional, así como o fomento do autoemprego para aproveitar o talento das persoas retornadas. Tamén consideramos fundamental o apoio ao colectivo de autónomos, con medidas como a cota cero.
Para que este ecosistema sexa realmente efectivo, a Rede implementará protocolos comúns de derivación e seguimento, mellorando a eficiencia dos recursos públicos e privados e evitando duplicidades na atención aos emprendedores.
Ademais, prevese a constitución dun Comité Asesor que definirá as liñas xerais de actuación e proporá as medidas necesarias para acadar estes obxectivos.
A Asociación Plataforma polo Emprego comprométese a achegar a súa experiencia participando de forma activa nesta gobernanza colaborativa xunto ao resto de entidades asinantes.
Traballaremos man a man co ecosistema de emprendemento de Galicia, a Xunta, as universidades e o tecido empresarial para impulsar a innovación social e a sustentabilidade, facendo posible que calquera persoa poida construír o seu futuro na nosa terra.
Máis información. VER PÁXINA REDE ULTREIA








