Encontro con Sani Ladan sobre migracións e diálogo intercultural na libraría NUMAX
A libraría NUMAX acollerá o vindeiro 18 de xuño, ás 19.00 horas, un encontro co escritor e activista Sani Ladan arredor das súas obras La luna está en Duala e El latir de un continente. A actividade desenvolverase en formato conversa, moderada por Jonatan Santos Seoane, e contará con entrada libre ata completar aforo.
A través das súas publicacións, Sani Ladan comparte a súa experiencia migratoria e reflexiona sobre cuestións como os dereitos humanos, as desigualdades globais e as relacións entre África e Europa, ofrecendo unha visión próxima e crítica das realidades migratorias actuais.
O encontro forma parte das xornadas de interculturalidade impulsadas polo programa Compostela Convive, promovidas pola Plataforma polo Emprego e financiadas pola UAMI – Concello de Santiago, co obxectivo de fomentar o diálogo, a convivencia e a reflexión colectiva arredor da diversidade cultural.







