O Programa Compostela Convive convida á participación nas súas xornadas gastronómicas con propostas da cociña coreana, peruana e senegalesa

A Aula Gastrocultural do Mercado de Abastos acollerá durante o mes de xullo tres xornadas gastronómicas, nas que as e os profesionais presentarán unha pequena mostra culinaria que permitirá ás persoas asistentes coñecer as características da cociña e da cultura de diferentes puntos da xeografía global.

A primeira sesión terá lugar o xoves, día 3 de xullo, coa presenza da cociñeira Sara Kim, do restaurante Numaru. Neste obradoiro, as persoas participantes coñecerán a técnica de elaboración do kimchi, participando activamente na preparación deste prato tan representativo.

A segunda cita gastronómica terá lugar o seguinte xoves, día 10 de xullo, coa participación do cociñeiro Tomás Rubio, do restaurante A Viaxe. O cociñeiro presentará unha proposta culinaria que asenta as súas bases sobre as raíces da cociña peruana e galega e contén, a súa vez, matices e sabores doutros puntos do mundo.

O terceiro e úlitmo encontro terá lugar o xoves, día 17 de xullo. Nesta ocasión, en colaboración co C.I.F.P. Compostela, contarase coa participación dos estudantes de cociña Moussa Fall e Cissokho Sadio e do cociñeiro Kike Piñeiro, do restaurante A Horta d’Obradoiro. Nesta xornada, os cociñeiros amosarán os sabores e características da cociña tradicional senegalesa. Esta proposta xorde dunha colaboración co alumnado do C.I.F.P. Compostela

As actividades están organizadas pola Plataforma polo Emprego, en colaboración coa UAMI Concello de Santiago, no marco do programa Compostela Convive. O conxunto de actividades aborda diferentes áreas -teatro, literatura e gastronomía- co obxectivo de poñer en valor a importancia de crear espazos diversos e libres de prexuízos, que sexan por si mesmos altofalantes á hora de visibilizar diferentes contextos culturais.