A Festa Patria do Perú celebra unha nova edición en Santiago de Compostela
O próximo 26 de xullo, Santiago de Compostela acollerá unha nova edición da Festa Patria do Perú, unha celebración xa consolidada na cidade e que permitirá achegar á cidadanía unha mostra da riqueza cultural peruana.
A programación incluirá un percorrido itinerante desde a Praza do Obradoiro a partir das 16:00 hs, percorrendo as rúas máis emblemáticas da cidade, durante o cal diferentes grupos de danza interpretarán bailes tradicionais representativos da costa, a serra e a selva do país, onde tamén terán cabida as crianzas. As actuacións contarán con vestiario tradicional, contribuíndo a poñer en valor o patrimonio cultural e etnográfico do país.
A xornada rematará na Praza Roxa, onde os grupos volverán ofrecer as súas actuacións e onde tamén se instalará un punto informativo sobre a festividade e a cultura peruana. Unha oportunidade para gozar da música, a danza e as tradicións do Perú na cidade compostelá.
Esta actividade forma parte do programa Compostela Convive, organizado pola Plataforma polo Emprego e financiado pola UAMI – Concello de Santiago.







