A Praza de Abastos acollerá unha viaxe gastronómica por diferentes países do mundo
A Aula Gastrocultural da Praza de Abastos acollerá durante o mes de xullo tres xornadas gastronómicas que achegarán ao público a riqueza culinaria e cultural de Malí, Marrocos e Palestina.
As actividades terán lugar os días 7, 14 e 21 de xullo, ás 19:00 horas, e estarán guiadas por profesionais da restauración e persoas vinculadas ás tradicións gastronómicas destes países.
Cada sesión combinará demostracións culinarias, explicacións sobre os contextos culturais dos pratos e unha degustación final, convertendo a gastronomía nunha ferramenta de encontro, aprendizaxe e diálogo intercultural.
As actividades son de balde, pero contan cun aforo limitado. As persoas interesadas deberán realizar inscrición previa mediante o envío dun correo electrónico a seguinte dirección: compostelaconvive@gmail.com
Esta actividade forma parte da programación de Compostela Convive, está organizada pola Plataforma polo Emprego e conta co financiamento da Unidade de Atención ás Migracións e Interculturalidade (UAMI) do Concello de Santiago de Compostela.







