Cinema e migración: proxección de Los cayucos de Kayar e coloquio con Thimbo Samb
A sala NUMAX acollerá o vindeiro 26 de xuño, ás 18.30 horas, a proxección da curtametraxe documental Los cayucos de Kayar, unha obra dirixida por Álvaro Hernández que ofrece unha mirada próxima e humana sobre as migracións a través da experiencia vital de Thimbo Samb, protagonista e coguionista da peza.
O documental trasládanos a Kayar, localidade costeira de Senegal e lugar de orixe de Samb, para reflexionar sobre as causas, os desafíos e as consecuencias das rutas migratorias que marcan a vida de moitas persoas e comunidades. A través do testemuño e da observación, a curtametraxe afonda en cuestións como a esperanza, a dignidade e os riscos asociados a estes procesos, poñendo o foco nas historias das persoas que os protagonizan.
Tras a proxección celebrarase un coloquio con Thimbo Samb, actor e activista comprometido coa defensa dos dereitos das persoas migrantes, que permitirá abrir un espazo de diálogo arredor da experiencia migratoria, a representación das migracións no audiovisual e o papel da cultura como ferramenta de sensibilización social.
A actividade é de balde, con retirada previa de convites a través da billeteira de NUMAX, e forma parte do programa Compostela Convive, impulsado pola Plataforma polo Emprego e financiado pola UAMI – Concello de Santiago.







